Mostrando entradas con la etiqueta Adega A Coroa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Adega A Coroa. Mostrar todas las entradas

lunes, 25 de febrero de 2013

O viño "Godello A Coroa" gana por segundo ano consecutivo o Tender do Monopolio Sueco


O viño godello de Adega A Coroa, adscrito ao selo DO Valdeorras, reafirma o seu posicionamento no mercado Sueco ao gañar por segundo ano consecutivo o tender de monopolio estatal, para seguir comercializando os seus viños neste país.

O feito de lograr o máximo recoñecemento por parte deste mercado en dous anos consecutivos, é  cualificado como "excepcional" por parte Systembolaget - organización estatal sueca que rexe o monopolio -, xa que moi raras veces una mesma adega faise coa máxima puntuación dous anos seguidos.

A Adega D.O. Valdeorras A Coroa, que comercializa o 50 % da súa produción nalgúns dos máis importantes mercados vinícola internacionais - Estados Unidos, México, Panamá, Porto Rico, República Dominicana, Xapón, Australia, Nova Zelandia, Reino Unido, Bélxica, Holanda, Suíza, Alemaña, Suecia -, cualifica este feito como unha grande oportunidade de seguir reafirmando o seu posicionamento en Suecia e o mercado nórdico .

A oferta de Systembolaget, encarada aos viños galegos e que obtivo a resposta de 33 adegas, saldouse cunha puntuación de 23 sobre 27 votos para Adega A Coroa, situándoa cunha ampla marxe de diferenza con respecto ás súas competidoras.


A empresa estatal sueca Systembolaget, ou monopolio, non ten parangón en ningún outro establecemento do mundo. Dispón de 2.300 referencias de máis de 40 países diferentes, que inclúen cervexa, viño e licores. Ademais, os seus provedores teñen en stock ao redor de 8.500 referencias dispoñibles baixo pedido en calquera tenda do país. Lánzanse aproximadamente 2.000 novos produtos ao ano.

Actualmente, conta con 418 tendas e con máis de 500 axentes que dan servizo a comunidades máis pequenas. Os empregados son xente cualificada para poder ofrecer o mellor servizo aos clientes, expertos en comida e bebida. Todos eles realizan unha exhaustiva preparación e todos os produtos, independentemente da súa procedencia, han de gozar do mesmo trato.


Desde Adega A Coroa atópanse encantados de pertencer, un ano máis, ao elenco de produtos que forman a carta do monopolio sueco, xa que supón pasar un estrito control de calidade e tamén unha cata de profesionais que elixen os mellores caldos entre todas as candidaturas que chegan á súa sede en Suecia.

Segundo a directora comercial e Export Manager da Adega, Marta Sertaje: "para unha adega familiar como A Coroa o feito de destacar un ano máis neste mercado, é unha oportunidade única de poder reafirmar a nosa presenza no exterior. O ano pasado xa se exportou o 50% da produción da adega e batéronse os records de vendas no dez anos que os nosos viños levan no mercado"


Adega A Coroa, aínda sendo unha adega familiar, conta cun equipo de vinificación actual e moderno. Unha viticultura racional, aproveitando a personalidade da variedade Godello e buscando sempre a calidade; esta é a filosofía que impulsa o traballo na Coroa, convencidos de que o viño se consegue principalmente no viñedo.

A elaboración céntrase nun trato minucioso e racional da uva, que fai uso da mellor tecnoloxía e respecta a heteroxeneidade dos terreos, sendo a primeira adega adscrita ao selo D.O. Valdeorras que utiliza a produción controlada nos seus viñedos.

O prestixio internacional dos viños A Coroa vén abalado por infinidade de premios, entre eles os máis destacados de 2012 son:

Best wine - The New York Times Selection - Cata a cegas

Medalla de Ouro - Selección Mundial de Viños de Canadá

Medalla de Ouro - Concurso Internacional de Viños de Lyon

Medalla de Prata - Mellores Viños españois para EE UU

Gran Mesquita de Ouro - Premios Mesquita 2012

Gran Ouro - Guía de Viños de Galicia

Distinción Gallaecia 2012

Bacchus de prata 2012 - Outorgado pola Unión Española de Catadores





martes, 12 de junio de 2012

Bioca Godello 2011 e A Coroa Lías 2010 medalla de Ouro en Francia



Novas medallas de Ouro para os godellos DO Valdeorras no concurso Les Citadelles Du Vin, Francia, que celebrará a súa entrega de galardóns 2012 en Vinexpo Asia-Pacific en Hong Kong.

Les Citadelles Du Vin, un dos concursos con maior repercusión do planeta que se celebra en Francia, volveu a encumbrar ao Godello DO Valdeorras con senllas medallas de ouro para Bioca Godello 2011 e A Coroa Leas 2010. 

Nun marco no que os brancos españois repartíronse catro ouros, os Godellos DO Valdeorras  brillan con luz propia conseguindo dous dos máximos galardóns; sendo secundados no que ao viño galego se refíre, por dous Albariño de Rías Baixas valorados con medallas de prata. 


Bioca 100% Godello, elaborado pola adega María Teresa Núñez Veia e que se fixo acredor de multitude de premios internacionais para a súa colleita 2011, foi un dos grandes viños galardoados co ouro. As súas notas de cata son as seguintes: "Cor limón, estilo floral moi acusado, con xasmín e azahar. Bo nivel de acidez, intenso no medio padal, capas de complexidade e un final longo".





A Coroa Lías 2010 foi o outro caldo DO Valdeorras galardoado coa máxima condecoración por parte dos especialistas franceses, mostrando o gran prestixio que acredita a adega A Coroa a nivel internacional. As súas notas de Cata son as seguintes: "Cor amarelo pallizo con reflexos verdosos, limpo e brillante. Destacan os aromas de froita madura, florais e fondos vexetais característicos dos grandes godellos. Complexo, elegante e intenso. Untuoso en boca e dotado de boa acidez. Postgusto longo e persistente cun lixeiro amargor final". 





Cada ano, no mes de maio, 40 degustadores internacionais de alto nivel reúnense en Bourg (Bordeus - Francia) durante tres días para elixir os mellores viños entre 800 mostras que proceden de máis de trinta países.

Con unha cantidade superior ao 70 % de viños estranxeiros, a competición chegou a un nivel de mostras e de recoñecemento internacional que sitúa a Les Citadelles du Vin entre os concursos de primeira orde do planeta.

En 2012, a entrega de premios e a promoción dos viños premiados desenvolveranse durante o moi influente Salón Internacional do viño e dos espirituosos, Vinexpo Asia-Pacific en Hong Kong.

Con este novo recoñecemento refórzase o auxe internacional que situou aos viños DO Valdeorras como uns dos viños máis en de moda no sector vinícola internacional, facéndose acredores dos máis altos galardóns que outorga o sector e conferindo unha merecida correspondencia ao traballo de produtores, elaboradores e Consello Regulador amparados baixo o Selo de Calidade DO Valdeorras.