martes, 9 de octubre de 2012

A DO Valdeorras namora en Donosti dentro dos actos de "San Sebastián Gastronomika - Euskadi Saboréaa"

 O Consello Regulador DO Valdeorras desprazouse a Donosti ( San Sebastián) para tomar parte nos actos dun dos certames Gastronómicos con maior proxección Mundial da actualidade, "San Sebastián Gastronomika - Euskadi Saboréaa", conseguindo un gran éxito de acollida entre os asistentes.
O Consello Regulador DO Valdeorras, na súa política de compartir a excelencia dos seus caldos, desprazouse a Donosti (San Sebastián) para tomar parte en "San Sebastián Gastronomika - Euskadi Saboréaa", un dos certames gastronómicos de maior repercusión mundial, que se celebra entre os días 7 e 10 de outubro no auditorio Kursaal da capital guipuzkoana.

Nun certame no que o viño xogará un papel destacado a través da final do "Concurso Oficial Mellor Sumiller de España 2012", que se celebrará hoxe en horario de 15:15 a 19:30 horas; varios dos finalistas desprazáronse á Caseta da DO Valdeorras, para comprobar  "In situ" a calidade e prestixio que atesouran os seus caldos.

Segundo palabras de Jorge Mazaira, Director Técnico do Consello Regulador, "a acollida está a ser un éxito total e a caseta da DO Valdeorras converteuse nunha parada obrigatoria para público e Catadores, onde se está encomiando a calidade duns viños que non deixan indiferente a ninguén"

  Foto: Jorge Mazaira


 O prestixioso e espectacular Concurso Oficial para determinar o mellor catador de España, celébrase por terceira vez na súa historia en San Sebastián e, máis concretamente, na programación de San Sebastián Gastronomika-Euskadi Saboréaa Off, onde ten prevista a súa celebración nos próximos anos.

A final deste Concurso desenvolverase, o día 8 de outubro de 2012, en dúas fases: un exame escrito privado, pola mañá, e o gran show en vivo das probas prácticas pola tarde.

O vencedor será o representante de España no campionato ao Mellor Catador de Europa 2012 e no Concurso ao Mellor Catador do Mundo 2013

As probas, que se realizarán en directo no escenario, son as seguintes:
- Identificación de produto e cata comentada
- Carta errónea (detección e corrección)
-  Menú-maridaxe (nunha mesa con comensais
no escenario)
- Servizo e decantación (nunha mesa con comensais
no escenario) 


Pola súa banda e tras o gran éxito de 2011, San Sebastián volverá ser o lugar de reunión internacional dos novos fenómenos culinarios de España e o mundo.

Seguindo a estrutura de anos anteriores (Alta, Off, Popular e Market) e coa "La Grande France" como país invitado, preténdese seguir coa mesma ideoloxía de estrita profesionalidade e novos relatorios que  levaron ao éxito en edicións pasadas.
"San Sebastian Gastronomika - Euskadi Saboréaa" quere dedicar o seu congreso 2012 tanto a Francia cunha merecida homenaxe á patria de Carême, Escoffier e a Nouvelle Cuisine como a unha mirada ampla e precisa ás súas máis actuais creacións nacionais e internacionais. Tradición, evolución, revolución, creatividade, fantasía ... encherán un ano máis o Palacio Kursaal de San Sebastián nunha ocasión única para que se dea a coñecer a cociña de vangarda mundial a través de relatorios, degustacións en directo desde a butaca do Auditorio e formatos exclusivos como os talleres e faladoiros.

O Diario Vasco e Grup Gsr son os organizadores dun evento no que se conta cun Comité Tecnico formado polos grandes referentes da cociña vasca: Hilario Arbelaitz, Karlos Arguiñano, Juan Mari Arzak, Martin Berasategui, Andoni Luís Aduriz, Pedro Subijana, e a directora do congreso, Roser Torras.

En "San Sebastian Gastronomika - Euskadi Saboréaa" non só a cociña estará presente, e é que as demais disciplinas do sector gastronómico tamén terán cabida no congreso. Off Gastronomika reunirá aos mellores profesionais da sala, o viño e a restauración, a través de relatorios, catas e atractivas actividades como o Concurso Mellor Catador de España 2012, o III Concurso Nacional de Grella, III Concurso Internacional de Gin Tonic Jordi Estadella by Fever Tree ou Gastronomika adolescente.

As mellores marcas e empresas do sector estarán no Market do congreso, un espazo único para favorecer o intercambio comercial e coñecer novos produtos especialmente destinados aos profesionais do sector.

En definitiva, do 7 ao 10 de outubro de 2012 San Sebastián converterase de novo na capital da cociña mundial, onde os viños DO Valdeorras desempeñarán un importante papel como grandes embaixadores da calidade vinícola internacional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario