martes, 11 de septiembre de 2012

Novos datos sobre a vendima DO Valdeorras que ratifican a gran calidade da uva

Foto: Adega Godeval

Co avance da semana, as adegas DO Valdeorras vanse sumando á recolección do froito achegándonos as súas valoracións sobre a nova colleita que, a pesar da redución da cantidade de uva, todas coinciden en destacar a gran calidade do froito que caracterizará a colleita 2012 da DO Valdeorras.

Desta forma, entre outras moitas adegas DO Valdeorras, onte daba comezo a vendima para  Godeval, adega pioneira na recuperación da variedade godello en Valdeorras  da man do seu presidente Horacio Fernández Presa no ano 1982.

As súas valoracións sobre a vendima 2012 fálannos dos máis de dez días de atraso con respecto ao ano pasado debido ás condicións climáticas que tamén propiciaron unha baixada na cantidade de uva que se recollerá nesta campaña. A pesar diso, desde a adega reafírmanse na óptima calidade da uva que este ano terá o marcado toque característico dos grandes viños DO Valdeorras.

 Horacio Fernández calcula que este ano Godeval recollerá ao redor dun 30 por cento menos de produción, aínda que asegura que a calidade será "óptima". Fernández Presa explica tamén que a variedade branca godello terá este ano un incremento na acidez: "se normalmente estamos en 6,5-7 este ano estará en 7 e non baixará". O fundador da adega impulsora da recuperación da godello en Valdeorras, enfoca isto como unha vantaxe "xa que os viños desta comarca caracterízanse pola acidez e é o que nos fai diferentes".

Horacio Fernández Presa - Godeval

A vendima de Godeval,  que empezou onte pola mañá nas leiras da Granxa e a Graciosa, en Vilamartín, continuará durante o próximos dez días aproximadamente, e está marcada por todo un ano de condicións meteorolóxicas peculiares.

 Como explica Horacio Fernández,"a vendima deste ano está marcada desde outubro do ano pasado xa que o valor hídrico dos chans é moi pequeno pola falta de choivas naqueles meses e as plantas non tiveron tanta forza para poder prepararse para un novo proceso de floración e maduración".

A recollida de uva de godello nos viñedos propiedade da adega realízase en caixas de 18 quilos coa norma de "non levar á adega aquelas uvas que non comerías".

 Unha vez nas instalacións da adega, o proceso continúa coa selección, prensado e a fermentación do mosto. Todo un ritual que marca a anada 2012, aínda que a base, sempre está na cepa e no terreo no que se cultiva, aplicando a máxima da adega de que "o viño faise na viña".






No hay comentarios:

Publicar un comentario