martes, 7 de agosto de 2012

Ven a descubrir todo o que Valdeorras pode ofrecerche na XV Feira do viño DO Valdeorras. Incentivo I: A gastronomía

Con motivo da XV feira do viño DO Valdeorras os próximos 11 e 12 de Agosto, propómosche unha oferta lúdica, cultural e natural para que te animes a gozar dunha fin de semana inesquecible na que o viño será o protagonista.

Como vos viñemos adiantando durante os últimos días, dende A nai do viño propómosvos un fin de semana diferente para que gocedes duns dos caldos máis de moda no panorama vinícola internacional acompañados dunha inmellorable oferta de lecer, cultura e gastronomía. Podes elixir un atractivo ou quedarte con todo, Valdeorras espérate e ti decides.

A nosa primeira proposta baséase na rica gastronomía da zona, un complemento perfecto para maridar coa excelencia que caracteriza aos caldos valdeorreses e que foi fonte de inspiración para o grupo gastronómico de vangarda culinaria máis significativo de Galicia, Grupo Nove.


A gastronomía de Valdeorras céntrase nun produto natural e caseiro, sempre cociñado co máis coidado mimo para que o comensal goce en todos e cada un dos seus bocados.

 Comezando polos deliciosos pratos de carne que poderedes gozar nos centros de restauración que acolle esta terra, poderiámosvos recomendar: cabrito ao ajillo, guiso de polo ou pavo, micuit de foie ou, por que non? quen dixo medo á calor?, un cocido de Valdeorras. Aos que lles guste o "tapeo", tamén poderán atopar nun dos pratos autóctonos da comarca, a empanada de Costrelas, un ideal aliciente para deleitar o gusto nestas especiais datas estivais.


As verduras de tempada son outro dos grandes atractivos destas terras. Nunha comarca bañada polos ríos Sil e Xáres, produtos da horta coma o pemento, o calabacín, o tomate ou a leituga serven de incentivo ou complemento á boa mesa da rexión.

 Peixes e mariscos completan a oferta gastronómica que vos propomos, xa que non hai que esquecer que estamos en Galicia e os ricos froitos das súas costas tamén afloran na arte culinaria valdeorresa. Dende mexillóns, ameixas, arroz con bogavante,  pasando polo bacallau, a pescada, a robaliza ou o rape  elaborado co Godello DO Valdeorras; talvez sexa no Polbo a Feira (só como sabe preparase no interior de Galicia) onde atopedes o voso ideal compañeiro para remollar cos Godellos e Mencías da terra.


 E dos máis lambóns non nos esquecemos, xa que na comarca poderedes degustar unha ampla variedade de sobremesas tradicionais (os de casa) como: Leite Frito, Flan de Leite, Torrijas, Sopapo de rixóns e arroz con leite, propoñendo aos máis atrevidos esas innovacións da nova cociña de vangarda coma: peras ao viño tinto mencía, o plátano caramelizado con augardente ou as canas doces e canutillo de laranxa e azucre. Todos eles son o perfecto complemento para combinar cos  licores da rexión (Licor Café, Crema de Augardente, Licor de Herbas, Licor de Guindas ... ) ou a xoia da coroa, o xa famoso viño Tostado de Valdeorras.

 
Aínda que hoxe só foi a gastronomía, nos próximos días seguirémosvos ofrecendo o mil e uns incentivos que converten a Valdeorras nun lugar único no mundo que vos acollerá cos brazos abertos.

Agardámosvos!  


No hay comentarios:

Publicar un comentario