martes, 10 de mayo de 2011

Os caldos da D.O. Valdeorras miden as súas excelencias ante os grandes "Gurús" do viño

Fonte da foto orixinal: FENAVIN
Os caldos da D.O. Valdeorras presentes en FENAVIN, medirán as súas calidades nun marco que se complementa coa asistencia dos grandes "Gurús" do mundo do Viño.

Hoxe dá comezo a Feira Nacional do Viño, FENAVIN,  en Cidade Real con grandes expectativas de comercio para as adegas participantes nesta V edición. Segundo datos facilitados pola organización, espérase un total de 4.500 distribuidores, dos que xogarán un papel destacado os 700 importadores chegados alen das nosas fronteiras, en representación de 50 países.  Neste marco móvese a armada valdeorresa, representada por dez adegas que contarán co apoio do Consello Regulador, en representación daquelas que non tiveron a oportunidade de asistir. Desta forma; A Coroa, Virxen de Galir, Valdesil, Sampayolo, Jesús Nazareno, Godeval, Santa Marta, Viña Somoza e Adegas do Campo afían as súas armas, que son calidade e saber facer, para lanzarse á conquista dos padais máis esixentes.

E se falamos de padais esixentes, pódese afirmar que nesta edición de FENAVIN atoparémonos con algúns deles. Xa que, segundo nos comuníca a organización, grandes nomes do mundo do viño internacional compartirán os seus coñecementos en distintas actividades estes días. Este é o caso de Jay Miller, colaborador de Robert Parker en The Wine Advocate, e un dos prescriptores máis respectados a nivel mundial; Robert Joseph, considerado unha das 50 personalidades máis influentes do mundo do viño internacional, fundador do International Wine Challenge, quen tentará desvelar as claves para coñecer os gustos dos consumidores en distintos países; ou David Seijas, catador de El Bulli, e autor de "111 viños para 2011", quen falará sobre os criterios que se utilizan no equipo de Ferrán Adriá para elixir os viños que acompañan os sorprendentes pratos que propoñen; ou Robin Goldstein, un revolucionario blogger norteamericano que, dende o seu espazo na web, The Wine Trials, loita contra as clasificacións dos grandes gurús mundiais.

Tamén diversas personalidades do mundo da cultura estarán presentes nesta cita. Entre outros, escritores como Carmen Posadas, Espido Freire, Clara Sánchez, Luís Landero, Luís Antonio de Villena, Ana Rosetti, Marta Rivera de la Cruz e Rosa Regás; actores como Antonio Resines, Concha Cuetos, Manuel Galiana ou Paco Valladares; xornalistas de recoñecido prestixio como Juan Cruz, José Ribagorda, Marta Robles ou Nativel Preciado e deportistas de primeira liña, participarán en distintas propostas durante os tres días de feira.
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario