viernes, 20 de mayo de 2011

Bélxica, Estados Unidos e Suecia. Semana internacional a tres bandas para os viños D.O. Valdeorras

Semana internacional para os viños D.O. Valdeorras; que en tres rexións alén das nosas fronteiras reciben eloxios en forma de premios, recoñecementos e visitas.

Se hai apiques uns días falabamos do interese de importadores belgas polos viños galegos; este frutificou no certame  'Concours Mondial de Bruxelles' no que os caldos galegos brilaron con luz propia recollendo nin máis nin menos que 27 galardóns. Entre estes viños destaca Joaquín Rebolledo godello 2010, cun galardón de ouro para a súa nova colleita, o que nos transmite de maneira firme a excelencia da nova anada valdeorresa.

Mentres isto sucedía, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras preparaba as súas armas, a calidade e o saber facer , para emprender a travesía atlántica rumbo ao Great Match de Dallas. Onde onte representou con gran éxito a calidade dos caldos españois en terras Texanas, mediante un seminario - cata, na que se enxalzaron as virtudes dos viños elaborados en Valdeorras.

E xa para concluír a semana; tamen onte, os compañeiros de vinogallego.com comunicábannos  a visita dos responsables de compra da empresa pública que ostenta o monopolio na venda de viño en Suecia, Systembolaget. Quen visitaron a denominación de orixe Valdeorras para coñecer mellor os viños galegos elaborados a partir da variedade Godello.

A comitiva está formada polos gañadores do concurso sobre viños de España organizado pola Oficina Comercial de España en Estocolmo, similar ao Nariz de Ouro, cuxo premio consiste na visita á zona vinícola do noso país que eles elixan para coñecer os seus viños de primeira man. Josef Andirik, Hans Olding e Lars Fagerber non dubidaron en seleccionar a comarca de Valdeorras, onde foron  recibidos por Guillermo Prada, responsable da adega ValdeSil, quen lles guiou polos viñedos e mostroulles as prácticas innovadoras da viticultura galega, ofrecéndolles unha cata das anadas en curso.

Foto: vinogallego.com
Esta visita non é baladí para os intereses dos viños valdeorresés no país escandinavo; xa que,  Systembolaget, xestiona un total de 430 establecementos e acapara o 90% das vendas de alcol que se realizan en Suecia.

E así se pecha esta importante semana internacional para os viños valdeorresés, desexándovos dende a nai do viño un estupendo fin de semana acompañado dun bo viño; aínda que, iso si, gozado sempre con moderación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario