miércoles, 6 de junio de 2012

Finger Lakes International Wine Competition condecora con medalla de prata a Bioca Godello 2011

Fonte info: Adega María Teresa Núñez Vega - Bioca
 Nova medalla do sector profesional estadounidense ao Godello DO Valdeorras "Bioca 2011" de Adega María Teresa Núñez Veiga.

A colleita 2011 da DO Valdeorras está a dar moito que falar a nivel internacional, recollendo un sen fin de premios do máis selecto sector profesional.

Neste marco móvense as adegas DO Valdeorras que axuntando esforzo, calidade e saber facer, fanse acredores destes recoñecementos que levan consigo a excelencia como bandeira .

Desta forma, a adega DO Valdeorras María Teresa Núñez Vega vese condecorada coa medalla de prata outorgada pola Finger Lakes International Wine Competition, quen enxalza as virtudes do seu godello nun certame no que compiten máis de 19 países e 3,300 caldos.

Este novo galardón únese ao xa extenso palmarés que recibiu a colleita 2011 de Bioca godello que, a pesar da recente presenza no mercado da nova anada, resúmese nos seguintes premios:

-Meinz(Alemaña); Premium Select Wine. Medalla de prata

-París,Vinalies Internationales (Asociación de Enólogos de Francia). Medalla de prata.

-Estoril, Wine Masters Challenge (Portugal) . Medalla de prata.

-Londres, International Wine Challenge, Medalla de Bronce,

-Londres, International Wine and spirits competition, Medalla de Bronce.

-New York, Finger Lakes International wine competition, Medalla de Prata.


 Ademais, no Ranking de viños que elabora a Asociacion Mundial de Xornalistas e Escritores de Viños, con sede en New York ( www.wawwj.com), para 2012, figura  "Bioca Godello" 2010 no posto núm. 12, sendo o viño branco mellor clasificado de España segundo o criterio destes especialistas.

martes, 5 de junio de 2012

Novo premio do sector profesional norteamericano para o Godello DO Valdeorras de adega A Coroa



 A Coroa 2011 recibe unha medalla de prata no concurso The Best Spanish Wines for Usa, un certame celebrado en Miami Beach e que segue o ronsel do Challenge to the Best Spanish Wines for Asia, celebrado en 2011 en Hong Kong.

Se hai apenas uns días importantes críticos do sector profesional do viño estadounidense encumbraban ao godello como gran promesa de España no sector vinícola internacional, onte chegaba outro novo recoñecemento que outorga prevalencia ao gran prestixio que os viños DO Valdeorras posúen no mercado norteamericano.

De novo o godello de adega A Coroa, que tras ser cualificado como o mellor godello comercializado en EEUU por The New York Times, convértese no gran embaixador dos viños galegos en norteamérica, alzándose cunha medalla de prata no concurso The Best Spanish Wines for USA.

Este galardón únese aos seguintes recibidos por adega A Coroa en 2012: medalla de Ouro e Prata en International Wine Challenge Catavinum , medalla de prata no Concurso Internacional de viños de Lyon, Bacchus de prata 2012, premio á excelencia en Select Wine Challenge ProWein 2012 e o Tender do monopolio do mercado de Suecia.




O xurado deste certame estivo formado por 20 xuíces, entre os que se figuraron importadores, distribuidores, catadores e compradores para hostalaría. Todos eles participaron nunha cata a cegas dun total de 136 viños procedentes de distintas denominacións de orixe.

Entre os membros do comité de cata hai que destacar a presenza do catador xefe do hotel Ritz Carlton Florida, Jorge Mendoza; do director xeral de Terra Spania Wines, Antonio Gómez; ou de César Basurto, comprador da recoñecida importadora Southern Wines. O presidente do xurado foi o director de Compras de Bebidas do Hotel St. Regis Miami, o establecemento anfitrión.

 O éxito de convocatoria conseguido nesta primeira edición asegurou a súa continuidade e a segunda entrega do Challenge estadounidense terá lugar en abril do próximo ano, con expectativas de "aumentar o número de viños participantes, todos eles cunha excelente relación calidade-prezo", segundo informaron os organizadores.

Para facer patente a importancia do mercado norteamericano no sector vinícola internacional, non hai máis que ollar os datos que nos chegan do informe elaborado por Vinexpo e a lnternational Wine & Spirits Research (IWSR), no que se recolle que o pasado ano en EEUU consumíronse 2.800 millóns de litros de viño, unha cifra que sitúa ao país norteamericano por diante de potencias como Francia e Italia. Ademais, as perspectivas de crecemento son do 10% até 2015.

Esta nova condecoración non fai máis que reafirmar o gran prestixio que os viños DO Valdeorras lograron a nivel internacional e que, segundo datos dos expertos, seguirá crecendo nos próximos anos para reafirmar a màxima cada vez máis estendida que cualifica aos caldos desta DO como "a revolución enolóxica do século XXI".

Adegas DO Valdeorras namoran coas súas ofertas enoturísticas

 Como xa vén sendo habitual por terras valdeorresas, onte a adega Santa Marta (Viñaredo) celebrou unha xuntaza enolóxico-gastronómica na que unha trintena de persoas gozaron da calidez da gastronomía de Valdeorras e da excelencia dos seus viños.

No día de onte, unha trintena de amantes do viño déronse cita na Adega DO Valdeorras "Santa Marta", para gozar da exquisitez dos seus viños "Viñaredo" e da rica gastronómica da zona a través dun menú composto por: empanada, cabrito e sobremesas variadas que fixeron as delicias dos asistentes.

Por medio deste acto reafírmase a firme aposta das adegas DO Valdeorras polo enoturismo, ofrecendo satisfación á demanda do gran público por coñecer uns dos viños máis de moda no panorama internacional, tal e como ratifica a multitude de premios internacionais dos que se fixeron acredores os viños desta DO.

Cunha oferta lúdico-natural incomparable e uns prezos máis que adsequibles a todos os públicos, as adegas DO Valdeorras convídante a gozar desta marabillosa terra personificada na excelencia dos seus viños.

martes, 29 de mayo de 2012

The New York Times cualifica ao Godello como "a promesa de España no sector vinícola internacional"

O crítico de viños da publicación estadounidense The New York Times, Eric Asimov, réndese ás peculiaridades do Godello, enxalzando as virtudes dos viños elaborados con esta variedade e mostrándoa como a gran gama do futuro dos viños brancos españois a nivel internacional.

Importantes críticos do mundo do viño estadounidenses de notable repercusión mundial no sector, fixéronse eco do espertar da variedade autóctona de Valdeorras, a godello, como a gran promesa de España no panorama vinícola internacional.

Facendo marcada alusión á caracterización que dota a zona ao viño. Un grupo de cata, formado por catro dos máis reputados críticos vinícolas estadounidenses (Florent Fabricant, Kerin Auth, Michael Madrigale e Eric Asimov), avaliaron 20 viños brancos de diversas rexións elaborados coa variedade Godello.
 
De entre eles, destacouse no TOP 10 a 5 viños elaborados por adegas valdeorresas e entre os que se dotou de gran nototiedade ao viño A Coroa Godello 2010.
 

 A Coroa Godello 2010, encabezou a lista dos viños Godello avaliados en Nova York coas seguintes notas de cata: "Profundo, saboroso e peculiar, cunha textura suculenta e sabores de froitas tropicais"; sendo cualificado como: "Un viño que non só representa o potencial, senón que é a potencia feita viño".

Nun marco no que as variedades godello proviñan de zonas como Monterrei, Ribeira Sacra, Bierzo e, por suposto, Valdeorras. Godeval Godello 2010, Guitián 2010, As Sortes 2008 e Ladeira Sacra 2010 uníronse ao Godello de A Coroa, para conformar a lista dos grandes godellos DO Valdeorras que se comercializan no mercado estadounidense segundo o criterio destes reputados especialistas.
 

lunes, 28 de mayo de 2012

A London International Wine Fair reafirma o éxito internacional dos viños DO Valdeorras

Mentres varias adegas foron premiadas no evento a través da publicación Decanter, os asistentes á London International Wine Fair envorcáronse en coñecer a nova colleita dos viños DO Valdeorras.

A Caseta do Consello Regulador DO Valdeorras, sitúado no Pavillón ICEX da Feira, converteuse nun dos centros neurálxicos da London International Wine Fair. A repercusión internacional dos viños amparados baixo o selo DO Valdeorras materializou o interese dos máis selectos padais á hora de valorar a calidade que atesouran estes caldos.


Segundo palabras dos expertos: "DO Valdeorras presentou viños de gran nivel aos profesionais da feira. Complexidade, diferenciación e calidade son os atributos que estes caldos se poden levar do sentir xeral dun marco de gran competitividade como a London International Wine Fair".

Pola súa banda, desde o CRDO Valdeorras felicítanse por outra nova gran acollida, valorando as opinións dos asistentes como "moi alentadoras". Segundo o director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira: "A presenza do Valdeorras na feira non pasou desapercibida para os grandes expertos e profesionais do sector. Unha vez máis, os brancos foron valorados como extraordinarios e os tintos destacaron pola súa frescura e fructosidade".

Con iso refórzase a máxima que define a estes viños máis aló dunha moda pasaxeira, incrementando ano tras ano a súa calidade e os efectos que esta produce nos grandes Gurús do sector internacional do viño.

miércoles, 23 de mayo de 2012

Unha medalla de Ouro, tres de Bronce e unha mención especial para os viños DO Valdeorras en "Decanter World Wine Awards", a competición de viño máis grande do mundo

A competición do viño máis grande do mundo que se celebrada en Londres baixo o apelativo "Decanter World Wine Awards", outorgou ás adegas DO Valdeorras unha Medalla de Ouro para Godello 2010 de Avanthia, tres de Bronce: dous para Joaquín Rebolledo co seu Mencía 2011 e Godello 2011 e unha para Valdesil Montenovo Godello 2011, pechándose a lista cunha mención especial para o Godello 2011 de adegas Ruchel.

Os resultados déronse a coñecer onte no transcurso da London International Wine Fair, acto no que o CRDO Valdeorras está a presentar as excelencias dos caldos desta Denominación de Orixe. Sendo incluídos entre os premiados os viños Mencía 2011 e Godello 2011 da adega DO Valdeorras Joaquín Rebolledo, ambos galardoados con senllas medallas de bronce; outro bronce para Montenovo Godello 2011 de adegas Valdesil; mención especial para o Godello 2011 de adegas Ruchel e Ouro para Avanthia Godello 2010.
Os premios son celebrados pola revista "Decanter", respectada internacionalmente pola súa prestixiosa reputación e influencia incomparable no consumidor.

Estes galardóns inspíranse en contactos cos principais especialistas independentes do mundo do viño para crear un panel de máis de 200 comerciantes, sommeliers, xornalistas e autores do sector internacional, incluíndo 54 Mestres de Viño e 11 Mestres Sommeliers. Os viños son xulgados por rexión e prezo dentro dunha cata realizada a cegas. Todas as botellas non abertas son vendidas e os beneficios son doados a "WaterAid"; institución á que, até a data, Decanter conseguiu achegar unha contribución de máis de 260.000 libras.

Estes novos recoñecementos seguen mostrando a vixencia do interese que suscitan os viños DO Valdeorras a nivel internacional e que reafirman a máxima que cualifica aos caldos producidos nesta denominación de orixe como "A Revolución Enolóxica do Século XXI".


 

martes, 22 de mayo de 2012

Coñece as adegas DO Valdeorras que están a presentar as súas excelencias en Londres

A DO Valdeorras, a través do seu organismo regulador, compartirá as súas excelencias co público londiniense no Excel Exhibition Center da capital británica, dentro dos actos que conforman a London International Wine Fair.

O Consello Regulador DO Valdeorras atópase promocionando a excelencia dos caldos adscritos a esta denominación de orixe, nun dos actos máis importantes do sector vinícola internacional nas illas británicas: a London International Wine Fair.
Os asistentes que así o desexen, poderán coñecer de primeira man as calidades duns dos caldos máis de moda no panorama vinícola internacional, na Caseta do Consello Regulador DO Valdeorras, entre o día de hoxe o vindeiro xoves, en horario de 9:30 horas a 18:00 horas ( horario británico), dentro do pavillón que ICEX (Instituto Español de Comercio Exterior) ten na feira.

Ademais das últimas novidades en viños tostados e de nova xeración nos que traballa a DO, os participantes terán a oportunidade de coñecer algúns dos caldos máis representativos de Valdeorras a través das seguintes adegas:

 


  
  
 
 

Podes ampliar información sobre cada unha das adegas facendo click sobre o seu nome

Novos premios internacionais para a Adega DO Valdeorras Joaquín Rebolledo

Completando a información transmitida o pasado 16 de Maio, placenos facernos eco de dous novos premios internacionais para a adega DO Valdeorras Joaquín Rebolledo. Feito que se traduce en Bacchus de prata para a súa tinto Barrica 2010 e Medalla de Ouro no concurso Mundial de viños de Bruxelas, por segundo ano consecutivo, para o Godello Xove Joaquín Rebolledo. 

A familia Joaquín Rebolledo foi pioneira hai 30 anos na recuperación da uva Godello. Grazas ao impulso de Joaquín Rebolledo e á súa arriscada aposta, hoxe a adega posúe un viñedo de Godello de 30 anos de antigüidade. Joaquín Rebolledo Godello foi o primeiro viño galego en gañar o Zarzillo de Ouro (1993): este golpe de efecto espertou unha lenda ao redor de Valdeorras. A potencia desta variedade, así como as peculiaridades do chan de Valdeorras, levaron aos enólogos máis destacados a elaborar os seus viños en Valdeorras. 

Coa Mencía como variedade tinta por excelencia no norte peninsular. O prestixio de Joaquín Rebolledo en Tintos é mítico e continúa gañado prestixiosos premios de primeiro nivel internacional: no ano 2006 Joaquín Rebolledo Mencía gañou a Medalla de Ouro na modalidade de Mencías do Concurso de Viños do Noroeste. En 2007 Joaquín Rebolledo Mencía fíxose co Acio de Prata outorgado pola Xunta de Galicia. En 2010 gana o Baco de Bronce outorgado pola Unión Española de Catadores, 96 puntos outorgados pola Asociación Galega de Catadores e Medalla de Ouro no Concurso Internacional "Premios Arribe 2010". 

O parque de barricas da adega é o suficientemente complexo para que os viños de Joaquín Rebolledo sexan moi característicos. Carballo francés, americano e caucásico copan a cova da adega. Alí, cunhas condicións de humidade, temperatura e silencio concretas, os viños adquiren unha diferenciadora expresión, que se traduce nun máis que notable recoñecemento no sector vinícola internacional.





viernes, 18 de mayo de 2012

Londres próximo destino para as presentacións DO Valdeorras

  A embaixada DO Valdeorras ultima os últimos preparativos para a súa próxima presentación que se celebrará os próximos días 22, 23 e 24 de Maio en Londres.

O Excel Exhibition Center da capital londiniense converterase no centro neurálxico para o sector internacional do viño entre os días 22 e 24 de Maio, con motivo da celebración da London International Wine Fair. 

Nun marco no que máis de 35 países e 20.000 viños daranse cita, o Consello Regulador DO Valdeorras xogará un papel destacado en representación da flor e nata dos viños adscritos a esta DO.

 A DO Valdeorras gozará de Caseta propia dentro do pavillón español que Icex, Instituto Español de Comercio Exterior, ten na devandita feira. Será dende este punto, nas datas anteriormente sinaladas e en horario de 9:30 a 18:00 horas (horario británico), desde onde a DO Valdeorras compartirá con todos os asistentes as excelencias que converteron aos seus caldos nuns dos viños máis de moda no panorama internacional do sector.

Desta forma, a armada valdeorresa pon rumbo ás illas británicas para seguir conquistando e sorprendendo aos padais máis esixentes do sector internacional do viño.






miércoles, 16 de mayo de 2012

Adegas DO Valdeorras triunfan en Bruxelas con medallas de ouro e prata para Viñaredo, Ouro para Ruchel e prata para Joaquín Rebolledo

Novo éxito para as adegas que representaron a Valdeorras no Concurso Mundial de Viños de Bruxelas, un dos máis prestixiosos tests do panorama vinícola internacional e que se saldou con dúas medallas de ouro e dous de prata.

 A adega Santa Marta foi unha das grandes triunfadoras da cita ao lograr dúas medallas, unha de ouro para Viñaredo Barrica 2010 e outra de prata para Viñaredo Godello 2011. 

SANTA MARTA é unha adega familiar que desde 1998 produce, elabora e embotella os seus propios viños cunha constante: a calidade dos seus produtos ha de estar vixiada dende a vide até a botella. Trátase, en definitiva, de buscar a precisión en cada proceso, e así obter a máxima calidade para os seus viños, tal e como ratifican os premios obtidos. 


Outra das grandes triunfadoras foi adega Ruchel, logrando a condecoración de Medalla de Ouro para Ruchel Godello 2011. 

ADEGAS RUCHEL S.L. foi creada coa coa filosofía de producir viños de excelente calidade nunha das denominacións de orixe de maior despregamento vinícola: Valdeorras. Na actualidade atópase en pleno proceso de expansión e os seus viños están amparados baixo o selo "Galicia Calidade". 



En tintos, o gran premiado foi o mencía dunha das adegas con máis soleira en Galicia, JOAQUÍN REBOLLEDO, quen logrou a condecoración de medalla de prata para o Mencía Joaquín Rebolledo 2011. 

Con esta medalla ratifícase o definitivo despegamento dos tintos de Valdeorras a nivel internacional. Feito que reafirma o froito do gran traballo que se está realizando na DO coa elaboración dos viños tintos de nova xeración.