Mostrando entradas con la etiqueta ADEGAS DO VALDEORRAS XAPÓN. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ADEGAS DO VALDEORRAS XAPÓN. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de mayo de 2013

O Godello DO Valdeorras recibe grandes cualificativos do sector internacional en Fenavin, mentres arrinca coa súa presentación promocional en Xapón.



O Godello DO Valdeorras, a través da súa colleita 2012, recibiu grandes eloxios por parte de importadores internacionais en Fenavin, mentres o Consello Regulador arrinca cos actos promocionais da súa viaxe a Xapón.

A Feira máis importante do sector do viño en España, FENAVIN, pechou as súas portas entre grandes cualificativos para a colleita 2012 do Godello DO Valdeorras que, ademais, espertou o interese de importantes mercados como o belga e o xaponés.

Se hai apenas unha semana eran os tintos os que namoraban ao sector europeo en Suíza, agora son os brancos os que toman a reválida e, espertando gran interese entre os asistentes a Fenavin, conseguiron importantes contactos internacionais para a súa importación.

Así o ratifican as palabras do director técnico da DO Valdeorras, Jorge Mazaira: "A feira saldouse de forma moi positiva a través de interesantes contactos, onde importadores belgas e xaponeses destacaron a calidade dos nosos viños. O principal atractivo estivo nos godellos que gozan dun gran prestixio no sector".

E esta afirmación non é baladí, xa que é Xapón o próximo destino promocional dos viños DO Valdeorras no estranxeiro. A maiores,  se xa existen adegas afincadas no mercado nipón, o interese que está a suscitar a DO Valdeorras entre os especialistas do sector xaponeses ten levado a puntuais visitas destes á comarca para coñecer "in situ" a idiosincrasia que caracteriza aos viños valdeorreses.


Desta forma, é Tokio quen outorga unha calorosa benvida aos viños DO Valdeorras dentro dos actos da Feira "Vinalitur" que se celebrará entre onte, 13 maio, e hoxe, 14 maio, a través duns actos nos cales o Consello Regulador actuará en representación de varias adegas adscritas ao selo de calidade DO Valdeorras.