viernes, 11 de marzo de 2011

De novo un Godello de Valdeorras recibe o galardón de mellor branco a nivel nacional

A prestixiosa e premiada publicación valenciana "La semana Vitivinícola", dirixida por Manuel Majón, volveu a enxalzar as virtudes dun godello de Valdeorras, seleccionándoo como mellor viño branco nacional.

O vórtice de premios e recoñecementos non cesa para os godellos da D.O. Valdeorras; e de novo a adega Rafael Palacios, co seu Godello As Sortes 2009, alcanza as cotas máis altas a nivel nacional. O bo facer de viticultores e adegueiros valdeorresés, está a provocar unha incesante choiva de recoñecementos  que encumbra, día tras día, a estes caldos como uns dos máis valorados do país.

Todo este traballo a pé de viña, vese referendado pola política do Consello Regulador de achegar e promocionar, esta veterana Denominación de Orixe, por todos os recunchos do mundo; achegando as súas virtudes a todo tipo de público. Para aqueles que desexedes probar a nova colleita, dende a nai do viño lembrámosvos que a cita deste fin de semana coa D.O. Valdeorras atópase en Ferrol, onde se celebra a VII edición da Feira de Viño do Noroeste.



jueves, 10 de marzo de 2011

A D.O. Valdeorras ofrece a degustación da súa nova colleita en FEVINO

Foto:www.elcorreogallego.es

A VII Feira do Viño do Noroeste que se celebra en Ferrol do 12 ao 15 de Marzo, ofrece a posibilidade de degustar os caldos da nova colleita da D.O. Valdeorras.

Unha das máis importantes feiras vinícolas a nivel nacional, que se divide en 2 días de apertura ao público en xeral (12 e 13 de Marzo) e dous días en exclusiva para os profesionais do sector (14 e 15 de Marzo); outorgará a posibilidade de degustar a nova anada da D.O. Valdeorras na súa Caseta promocional.

A flor e nata do sector vinícola nacional dáse cita un ano máis nesta prestixiosa feira, para presentar as súas novas anadas a profesionais do sector e público en xeral. Pola súa banda a D.O. Valdeorras na súa política de facer chegar a todos os públicos a excelencia dos seus caldos; puxo a disposición da nai do viño varias entradas, para que as persoas que o desexen poidan acudir de forma gratuíta ao evento.




miércoles, 9 de marzo de 2011

A D.O. Valdeorras convídate á feira do viño do Noroeste en Ferrol

Do 12 ao 15 de marzo, o recinto feiral da cidade de O Ferrol acollerá a VII edición da Feira de Viños do Noroeste. 

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras estará presente nesta cita, unha das máis destacadas do sector do viño en Galicia, cunha caseta propia onde se poderán degustar os viños da nova colleita 2010. E para seguir mostrando o seu compromiso con todos os apaixonados do sector vinícola, a D.O. Valdeorras por medio da nai do viño, pon a disposición de cinco persoas a posibilidade de asistir a este evento de forma gratuíta, o vindeiro domingo 13 de marzo.

Se desexas asistir ao acto de forma gratuíta, só tes que enviarnos un correo electrónico a: lamadredelvino@dovaldeorras.tv indicándonos o teu nome e DNI; e deixaremos á túa disposición no despacho de billetes do Recinto Feiral de Ferrol, unha invitación para que poidas degustar as excelencias dos viños participantes na feira.




jueves, 3 de marzo de 2011

Amplíase a oferta gastronómica do entroido valdeorrés.

Á iniciativa proposta en anos anteriores por Restaurantes da zona, únense este ano 17 bares e cafetarías de O Barco, que ofrecerán degustacións de petiscos.

Como adiantaba a nai do viño en artigos anteriores, a edición de entroido gastronómico verase fortalecida este ano pola participación de 17 bares e cafetarías, que porán todo o seu empeño en facer as delicias dos padais máis esixentes. A gran acollida que tivo a iniciativa levada a cabo en xaneiro, amplíase ao entroido para propor unha das ofertas lúdico-gastronómica máis completas do panorama galego.

Se queres un entroido diferente sen que perda a súa esencia, vente a Valdeorras!.




miércoles, 2 de marzo de 2011

Ven a Valdeorras a gozar do "Entroido" Gastronómico

Os amantes da gastronomía terán a posibilidade de degustar a mellor oferta gastronómica do entroido en O Barco, coas XII Xornadas gastronómicas do entroido, que se celebrarán entre o 4 e o 8 de marzo.

Dentro da oferta lúdica que propón o entroido ourensán, a vila de O Barco complementa as propostas festivas cun entroido diferente. A mellor gastronomía e o bo viño únense á milenaria festa entroidesca, para ofrecerche unha iniciativa inesquecible situada nunha zona de paraxes de inmensa beleza.

A gran aceptación que recibiu o fomento do tapeo nos últimos meses, levou a Concello e á Asociación Empresarial de Valdeorras a seguir achegando esta iniciativa a todas as persoas que desexen gozar do entroido valdeorrés. Se che apetece un entroido diferente, vente a Valdeorras.



lunes, 28 de febrero de 2011

Reino Unido únese ao auxe do Godello valdeorrés

O director de Bibendum wine, unha das maiores distribuidoras de viño en Reino Unido, móstrase emocionado e expectante pola resposta que pode dar o viño de Valdeorras nas Illas Británicas.

Os recoñecementos dos que se fai merecido acredor o godello de Valdeorras non pasan desapercibidas para os promotores das tendencias vinícolas, e  estes extrapolan as súas excelencias a todos os recunchos do mundo. Desta forma dende Reino Unido chégannos os comentarios de Stuart  Grundy director de compras de Bibendum wine, que se mostra ilusionado polos  investimentos realizados na distribución de Viño Español. "Nunca estiven tan emocionado acerca dos viños españois e a gama española Bibendum en particular. Fixemos un enorme traballo para identificar aos produtores destacados das rexións menos coñecidas que están a facer os viños de cepa vella, a un prezo que Francia e Italia só poden soñar. O rumor ao redor destes viños na nosa degustación de comercio Bibendum EC1 en xaneiro xustifica a miña crenza de que o mercado está tan emocionado acerca dos novos viños españois como o estamos en Bibendum"

A aposta inicial polo godello de Valdeorras centrouse na adega A Coroa, coa súa godello 2009 do que se espera que pronto se converta nun must-have.



jueves, 24 de febrero de 2011

E agora, a poda

Mentres se embotella e etiqueta a nova anada valdeorresa, os viticultures xa comezan cos preparativos da cepa para a próxima campaña.

Para celebrar con todos vós o inicio dos traballos para a próxima colleita, compartimos este vídeo sobre a poda para que poidades  vivir en primeira persoa o mimo, o agarimo e o empeño que os viticultores valdeorresés poñen no seu traballo para a obtención duns caldos altamente valorados. Dende a nai do viño desexamos que vos guste.


miércoles, 23 de febrero de 2011

Álava aprecia os brancos de Valdeorras

Nos actos correspondentes ao II Salón de Enolia, celebrado no museo Artium de Alava, levouse a cabo antonte unha cata maridada, na que Valdeorras, Rueda e a Rioxa Alavesa tiveron moito que dicir.

Neste trafego viaxeiro que se marcan os viños do D.O. Valdeorras; e mentres o Consello Regulador celebraba a súa cata no Forùm Gastronòmic; Álava vestíase de festa, para celebrar en Vitoria a II feira oleo-vinícola, Enolia. 

Nesta feira na que os produtos alaveses foron os protagonistas, os especialistas do sector vinícola non dubidaron en destacar a participación de caldos valdeorreses e de Rueda, aos que valoraron coma uns dos mellores de España.

Desta forma, a calidade dos viños D.O. Valdeorras achégase a cada vez máis lugares para compartir as súas excelencias con todos os apaixonados do sector. Dende a nai do viño, irémosvos dando cumprida información de novas celebracións nas que participe este veterana D.O.; a fin de que, tamén vós, poidades valorar a calidade destes caldos.





martes, 22 de febrero de 2011

A D.O. Valdeorras valora a súa presenza no Fòrum Gastronòmic de forma moi positiva

Foto: Luis Escudero

Concluído o Forum Gastronómico de Xirona, a dirección técnica do Consello Regulador da DO Valdeorras realiza un balance positivo da súa presenza neste destacado evento do mundo do viño en Cataluña.

 A importante presenza de público, ao redor do 60% do mesmo altamente especializado do sector gastronómico, que visitaron a zona de catas da caseta da Consellería de Medio Rural, valoraron extraordinariamente as diferentes variedades presentadas pola DO.

A pesar de que os brancos de Valdeorras xa eran coñecidos e apreciados polo público doutras edicións, sorprendeu, e moito, o branco de barrica cunha ampla gama de maridaxes posibles.



martes, 15 de febrero de 2011

O vindeiro luns 21 de febreiro a D.O. Valdeorras convida os asistentes ao Forum Gastronómico de Xirona a unha Cata Selectiva.

Con motivo da exaltación gastronómica máis significativa do sector, a D.O. Valdeorras ten o pracer de convidar os asistentes que así o desexen a unha Cata Selectiva.

O 21 de febreiro de 2011, con motivo dos actos enmarcados no Forum gastronómico de Xirona,  a Denominación de Orixe Valdeorras, a través da nai do viño, ten o pracer de convidar as persoas que así o desexen, a unha Cata Selectiva que se celebrará na Caseta de Medio Rural da Xunta de Galicia de 12:00 a 13:00 horas.

Para gozar dos viños desta Denominación de Orixe gratuitamente, só tes que reservar a túa praza enviando un correo electrónico cos teus datos a: lamadredelvino@dovaldeorras.tv 
Valo a perder?