Mostrando entradas con la etiqueta Mencía DO Valdeorras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Mencía DO Valdeorras. Mostrar todas las entradas

sábado, 27 de octubre de 2012

Memoria de Ventura Mencía destaca no Salón de Mellores viños de España pola súa relación calidade prezo

 O viño da adega DO Valdeorras  da Pinguela, a seis euros a botella, destacou pola súa alta puntuación e baixo prezo no encontro da guía Peñín 2013

Cun prezo de seis euros a botella en adega, o Memoria de Ventura Mencía, destacou durante os dous días do Salón dos Mellores Viños de España da Guía Peñín como o de mellor relación calidade prezo de todo o evento.

De feito a organización sinalouno como unha das sorpresas da guía de este ano xa que, tratándose dun  viño novo, recibiu 94 puntos Peñín, feito  que atraeu o interese dos exportadores e profesionais que acudiron ao salón.

José Peñín, fundador da guía, sinala que "está a producirse unha revolución nos tintos do noroeste que están a marcar tendencia coa atención posta na tradición e o terruño", marco  dentro do cal se moven as adegas DO Valdeorras nun máis que firme afán de ofrecer a máis alta calidade, sempre ao mellor prezo.

Ademais do Mencía, tamén o Garnacha 100% de Memoria de Ventura recibiu unha boa cualificación na Guía Peñín do 2013, con 91 puntos.

 O Salón foi o primeiro evento da nova tempada de promoción da adega, que continúa o 10 de novembro en Salamanca e o día 12 en Madrid.

 Memoria de Ventura Mencía é o viño máis premiado da adega. As súas uvas son cultivadas a certa altitude, onde as noites de verán son frescas e os terruños graníticos axudan a conservar esa frescura achegando mineralidade e boa acidez.

Para a súa elaboración apostase por maduracións tardías, co fin de potenciar sensacións froiteiras e unha boa acidez. O resultado é un viño que lembra aos mencía clásicos que tan ben se elaboran en Valdeorras.

viernes, 26 de octubre de 2012

94 puntos para Mencía de Adega da Pinguela na Guía Peñín 2013

Información e foto: Cristina de la Torre - Adega da Pinguela
Esta puntuación, inusual para un viño novo, referenda a nova tendencia de tintos en España, con máis personalidade e reivindicando o autóctono.
 
A adega da DO Valdeorras "Adega da Pinguela" participa este ano por vez primeira no Salón dos Mellores Viños de España organizado pola Guia Peñin en Madrid, unha cita que reúne a só 330 viños seleccionados de entre todas as DO de España. Entre eles está  Memoria de Ventura Mencía 2011, que recibiu 94 puntos por parte do panel de cata da Guía Peñin, moi valorado tanto a nivel nacional como internacional, especialmente en Europa e Sudamerica.

Os 94 puntos deste mencía chamaron moito a atención dos profesionais que se pasaron polo salón, xa que non é habitual que un tinto xove reciba unha valoración tan alta. Quedou por encima mesmo de marcas consolidadas doutras DO españolas, como Rioja ou Ribera del Duero. De feito o propio director do Salón, Carlos González, aseguraba que se está asentando unha nova tendencia no mundo dos tintos por "a procura do autóctono como elemento diferenciador, con aromas moi froiteiros".

Francisco Núñez, colleiteiro e responsable de Adega da Pinguela, destacou a boa acollida do viño e
o interese que está a espertar Memoria de Ventura Mencía entre os exportadores, moi interesados neste mencia galego que comparte valoracion cos mellores tintos de España.
"Só o feito de quenos convidasen a participar xa é un premio, a puntuación é ademais unha moi boa noticia e un aval para o consumidor xa que a Guia Peñin é un gran referente para os consumidores", asegurou o adegueiro valdeorrés.

O salón comezou onte xoves 25 e continuou o longo da a mañá de hoxe,  cando se entregaron os premios de clausura. Os viños de Adega da Pinguela regresarán a Madrid para a presentación organizada polo Consello Regulador da DO Valdeorras o próximo 12 de novembro.

Con este novo recoñecemento ratifícase a máxima que coloca aos viños DO Valdeorras como a nova tendencia no mercado internacional do viño e que, xa sexan os brancos de godello ou os mencía e garnacha en tintos, se converteron nun referente no mercado vinícola internacional.

viernes, 23 de marzo de 2012

Sardiñas curadas con sementes de pementos de padrón maridadas con mencía DO Valdeorras

Esta fin de semana a cociña de vangarda galega, por medio notable Cheff de Grupo Nove Javier Olleros, pretende romper todos os esquemas coa receita que nos ofrece en exclusiva: "Sardiñas curadas con pementos de padrón e tomatiños aderezados" maridándoa con Mencía DO Valdeorras. Por medio desta exquisita receita, Javier proponnos unha visión de elegancia gastronómica que poderedes gozar nas vosas mesas ou na do seu restaurante "Culler de Pau" en O Grove

A envexable formación culinaria de Javier Olleros resúmese nas seguintes liñas:

Estudou Cociña na Escola Pública de Hostalaría de Santiago de Compostela. Javi Olleros pertence a unha familia de tradición hostaleira do Grove, herdou o oficio do seu pai, cociñeiro emigrado a Suíza, e o bo facer da súa nai, propietaria de Hotel Mar Atlantico, no Grove. Durante os catro meses que pechaba o hotel, Javi aproveitaba para facer stages en cociñas de aquí e alá. Estivo en casa Solla, en Toñi Vicente, con Arola no Broche (Madrid), con Martín Berasategui, en Bica do Sapato (Lisboa), Balzac (Madrid), Zallo Barri (Gernika), acabando os seus stages no mundo de Seiji Yamamoto (Tokio). Olleros levaba catro anos tentando facer algo, ata que montou o seu propio Restaurante: "Culler de Pau".

Así define o formador de comunicadores, blogger e gastrónomo Manuel Gago ao restaurante "Culler de Pau"(coñece o blog de Manuel Gago)

"NOMEADO COMO RESTAURANTE REVELACIÓN - Madrid Fusión 2010 O restaurante Culler de pau é, sen dúbida, unha das máis agradables sorpresas da tempada gastronómica en Galicia. Javier Oleiros está a emprender unha nova e elegante aventura culinaria que convén seguir con atención. Dez mesas nun edificio vangardista e moi minimalista, que combina un luminoso - case cegador - branco, a madeira e o cristal, a través de enormes xanelas que se abren á boca da Ría de Arousa, permitindo distinguir os illotes de Noro e Vionta, Ribeira e a orixinal perspectiva da serra de Barbanza que ofrece O Grove. Aquí sérvese un menú contemporáneo, sinxelo, cunha cociña e sala sorprendentemente rodadas tras só dous meses de inaugurarse. Tempos, temperaturas, servizo axústanse como nun restaurante con anos de experiencia. Entra o sol por este edificio case translúcido, e os pratos resultan belos, armoniosos, decorados con plantas dos campos de ao redor, cunha montaxe de pratos dinámico, con salsas e espumas que conducen visualmente en liñas até o ingrediente principal. O resultado é unha cociña de raíces galegas pero con influencias de todas as cociñas polas que ten pasado de stage. Para coñecela, recoméndase optar polo menú degustación. Culler de Pau arrinca sorprendentemente dende moi arriba, cun nivel inusual; o seu traballo está cheo de referencias a unha boa parte da nova cociña que se realiza en Galicia, pero seguro que será interesante ver como atopa o seu propio camiño gastronómico nunha contorna tan privilexiada para excelentes produtos mariños como é O Grove. E para afeccionados á gastronomía somos unha bonita mostra de optimismo: de como se pode facer alta gastronomía en tempos aparentemente duros para aventuras hostaleiras. Unha nova xeración de cociñeiros de alta factura técnica e conciencia das súas raíces está a acceder aos seus propios negocios e favorecendo a diversidade gastronómica do país. Preste atención á xente de Culler de Pau. Darán que falar."

No seguinte vídeo poderás coñecer como presenta Javier Olleros a fantástica receita de Sardiñas curadas con sementes de pementos de Padrón.